Sinopsis
A primeira vez que estiven presente e axudei nunha matanza tiña sete anos. Aquela intensa experiencia deixou en min un recordo magnético e provocoume sensacións encontradas. Por un lado estaba toda a parte colectiva: familia, amigos e veciños traballando no proceso, profundamente conectados na tarefa, dunha forma case sacra. Por outro, o contacto directo coa morte.
A chamada a realizar este filme estivo sempre aí dalgún xeito. Non só ten que ver cunha íntima conexión coa memoria, senón que opera tamén como unha revelación, se ollamos para a realidade presente. Nos tempos actuais, marcados por un agresivo capitalismo que enxalza a beleza física e a xuventude, onde queda o espazo para o perecedoiro e o sucio? Hai algo profundo, acaso fermoso nunha matanza: a relación a curta distancia coa morte, presenciada e exercida por varias xeracións ao mesmo tempo.