Sinopsis
Durante o verán de 2022 produciuse en España a vaga de incendios máis devastadora das últimas dúas décadas. Galiza foi unha das comunidades máis afectadas, con máis de 50 000 hectáreas arrasadas polo lume. No Courel rexistrouse o incendio máis grande do verán, coas lapas calcinando aldeas enteiras.
Aínda que se determinou que a orixe do incendio do Courel foi un raio, os veciños que viron as súas casas arder pregúntanse se as medidas de prevención e extinción foron suficientes. Os incendios forestais espertan varias incógnitas e, como cada ano, despois da tempada de alto risco, xorde de novo a polémica.
Este traballo audiovisual busca reconstruír o incendio do Courel a través dos testemuños dos veciños. Á súa vez, varios expertos na materia tentarán abordar os principais dilemas relacionados cos incendios forestais.